• Mariano Fernandez

    Mariano Fernandez

    Mariano E. Fernández naceu Ponferrada (León), o 26 de Xaneiro de 1972 e cursou estudos universitarios na Facultade de Dereito da Coruña. Nese periodo, en 1994, intégrase no Club de Prensa da Universidade da Coruña, no que desenvolve actividades de prensa escrita na frustradamente periódica publicación da institución “A Tarima”.

    O seu primeiro contacto ca radio ten lugar en Radio Culleredo, no programa “A Pé de Campus”, que codirixe, e que se emitiu por primeira vez en xaneiro de 1995. As persoas integrantes deste programa tiñan un grande interese pola radio, e ante a negativa reiterada da Universidade da Coruña de crear na cidade unha emisora universitaria similar á xa existente en Ferrol (Radio Kaos), constitúen a asociación Colectivo de Universitarios Activos (Cuac) en xuño de 1995, na que Mariano Fernández desempeñará diversas funcións e cargos ó longo dos anos. Esta asociación é a entidade matriz de Cuac Fm, a emisora comunitaria da Coruña, que se estrea nas ondas galegas o 27 de marzo de 1996, e que resulta ser, ademáis dunha importante dinamo cultural, un viveiro inesgotable de profesionais da radio e da prensa (coma Fernando Molezún, Teba Chacón, Omar Bello, Javier Lojo, Antón Lezcano, Txury Ferrer, Isaac González, etc, etc….)

    En Cuac Fm realiza diferentes programas e colabora asiduamente en moitos outros, simultaneamente a esa experiencia, colabora noutras emisoras locais coma Radio Voz ou Radio Coruña, nas que desenvolve seccións fixas de información universitaria dende unha perspectiva non institucional. Tamén colabora esporádicamente na revista humorística “4 gatos”.

    Con Tomás Legido, crea en 1999 a empresa de xestión cultural 10d10 (ou Dezdedez), adicada entre outras cousas á didáctica de medios (en especial de radio) e á producción radiofónica. No ámbito docente , son docenas os obradoiros que 10d10 leva realizados nos últimos anos.

    Na actualidade e dende 2003 realiza xunto con Tomás Legido o programa “Claves de Carral”, na emisora municipal Carral Radio, e o programa “Alegría” en Cuac Fm. En maio do 2009 foi elixido Coordenador Legal da Rede de Medios Comunitarios (ReMC), organización a nivel estatal que vela polo dereito da cidadanía a comunicar, recollido no artigo 20 da Constitución, e que agrupa experiencias e medios de comunicación comunitaria en calquera formato (radio, televisión, prensa, internet…).