• Tomás Legido Sanchez

    Ola irmás e irmáns!! Así levo 15 anos de radio (se cumplen o día 15 de marzo de 2010) saudando aos que me escoitan ó outro lado do receptor en moitos (non todos) programas dos que levo realizados.

    A miña afección pola radio comezou por imitación do meu pai. El ía pola casa acendendo receptores e buscando algo chulo no dial. Tamén gostaba de abrir radios estropeadas de toda a familia para tentar, case sen querer, que voltasen a funcionar.

    Marcáronme dous programas. Augas Atlánticas dirixido e presentado por Marcos Antón López en Radio 4 (despois en varias emisoras) e Flor de pasión de Juan de Pablos en Radio 3 (donde segue na actualidade). Aí descubrín formas de facer radio que me gustaban moito (sobre todo a de Marcos) e centos de cancións que me achegaron ó rock en tódolos seus estilos. A música é unha parte de min.

    O primeiro contacto co outro lado da radio chegou nun pequeno obradoiro en Xixón. Algo que simplemente era un complemento duns cursos sobre Asociacionismo acabou tendo para min grande relevancia. Xa o veredes.

    No ano 94 chamoume un amigo (hoxe na TVG) para ofrecerme a posibilidade de participar cinco ou seis días nunha tertulia dunha ampla sección que levaba o nome de “Rollos de Universidad” que se realizaba en Radio Coruña-Cadena Ser por parte de componentes do Clube de Prensa da Universidade da Coruña. Eramos moitos a falar en moi pouco tempo. Moitas risas, certa responsabilidade… Pero isto non o conto como tempo que levo facendo radio. Era ir a falar sen producción previa. Iso, xa o sabedes, non é “facer radio”.

    Xa no 1995 entérome que o Club de Prensa citado busca locutores para un programa de 90 minutos na emisora municipal Radio Culleredo. O programa comezou en xaneiro e a miña sección (os insconscientes déronme sección con sintonía propia dende o primeiro día) empeza o xa comentado 15 de marzo de 1995. A sección era Falta Paixón. Un repaso dos concertos e actividades culturais dos seguintes días sempre cun fondo rockeiro e moi dinámico. Adicáballe moito tempo a producción (conseguía sortear entradas para concertos…) para adaptarme ao tempo que tiña. Ese día comecei a utilizar o meu nome de guerra radiofónico (viña da miña faceta previa de cantautor): Tomi Desastre co que sigo hoxe en día cando fago radio en CUAC FM e cando pincho en salas como Mardi Gras. Por certo, ese 15 de marzo coñecín a Mariano Fernández.

    Ese verán do 95 o director da emisora proponme ocupar os 90 minutos que deixaba o programa (chegaban as vacacións e o Clube de Prensa descansaba). Durante dous meses Falta Paixón convertiuse nun magazine musical que eu dirixía e no que liei a tres compañeiras: María Calamidade, Sandra Taquicardia e Nuria Catástrofe, que se apresentaban como As amigas do Desastre.

    Pero mentres realizabamos ese programa, CUAC FM comezaba a xestarse coa creación da asociación Colectivo de Universitarios Activos.

    Foi o 27 de marzo de 1996 cando se inaugura a emisora que comezou sendo universitaria pero mudou en comunitaria, co que calquera persoa pode realizar o seu programa Nela. Alí fun disfrutando de cada programa que facía: Falta Paixón, O lado escuro do Corazón, Tolos polo tomate, Empanada Mental, Bugalú e dende 2003, Alegría (www.alegriacuacfm.podomatic.com ). Durante os case 14 anos da emisora desenvolvín múltiples funcións dentro de diversas coordinadoras e directivas.

    No ano 1999, xunto a Mariano Fernández e a Antón Lezcano (do programa Zapping) creamos a empresa Dezdedez ou 10D10, adicada a xestión cultural e actividades de ocio. A través dela desenvolvimos un Obradoiro de Iniciación á Radio que levamos alí onde nos deixan para contaxiar a nosa paixón pola radio. É un pracer tentar de meterlle o gusaniño do micro (ou dos botóns) as novas xeracións (e non tan novas).

    En 2001 o Concello de Carral encargalle a Dezdedez que vaia formando aos veciños que desexan facer programas na emisora municipal. A idea é que sexa unha emisora comunitaria na que todos podan participar e facer programas. A inauguración chega o 24 de xullo de 2002 cun grupo de locutores amateurs moi ilusionados.

    Dende 2003 codirixo e presento o magazine local Claves de Carral, ademáis de retransmitir os plenos municipais en directo (algo emocionante as veces e tedioso outras).

    No verán de 2008 recibo a chamada de Radio Coruña-Cadena Ser para ofrecerme unha sección no programa local “Por fin es sábado” dirixido por Mayte González. A sección leva o nome do temazo de Little Richard “Tutti Fruti”. Falaba de moitas cousas, como é habitual en min, iso si, sempre coa música como nexo entre temas.

    En decembro de 2009 o Concello de Carral decide recurtar gastos e rescinde o contrato con Dezdedez, quedando a emisora nada máis que con unha persoa contratada por seis meses. Isto nos deixa máis tempo para ofrecer obradoiros e tamén para adicarlle máis esforzo a esa filla que temos (falo en plural porque todo é xunto a Mariano Fernández) que é CUAC FM. Gran invento.